POÑER TODO PATAS ARRIBA
Recentemente nun adestramento un dos judokas sub15 fixo
un exercicio adoptando unha postura do pescozo totalmente contra natura. Como
xa é costume en min, esaxerei o meu comentario afirmando que a súa cabeza ía
acabar por ficar colgando boca abaixo. Nese momento estaba visualizando na miña
imaxinación – recoñézoo, de modo algo surrealista – unha escena dunha película
pouco coñecida dun director de cine mundialmente famoso, Peter Jackson. Moita culpa
da súa fama tena a saga dirixida por el, “O Señor dos Aneis”, The Lord of the Rings.
O filme en cuestión é un dos primeiros
dirixidos por Peter Jackson e en España presentouse como “ Braindead: tu madre se ha
comido a mi perro” (1992). Esta parodia do
cine de zombies e do xénero gore é unha auténtica sucesión de ideas tolas, situacións surrealistas,
estereotipos e gags cun uso moi intelixente da cámara, xogando desde
perspectivas inverosímiles. Nun dos momentos máis viscerais da película, a un zombie
quédalle a cabeza colgando do pescozo e durante un intre vemos o mundo desde a
súa perspectiva: do revés.
Noutras reflexións toquei a necesidade
ou non de facer cambios (radicais) e temas
relacionados. Non penso que sexa de obriga facer cambios continuos extremos,
pero si evolucionar e adaptarse. Mais ás veces cando o momento o precisa,
porque quedamos sen ideas, porque simplemente non funciona, temos que poñer
todo patas arriba – evocando a orixe literal da expresión, colocar as cadeiras
patas arriba, sobre as mesas, para limpar.
En ocasións estes puntos de inflexión
levan a unha posta en práctica do significado negativo da expresión do título:
desfacer por desfacer. A banda deseñada ¡Qué
Gente! (1989), dos irmáns Tha et J. Tharrats, é unha serie de historietas curtas, unha das
cales critica os macro proxectos urbanísticos. Na historia “Proyecto”, dunha
soa páxina, vemos a uns arquitectos e construtores nun bosque falando de como
van tirar con todo para facer restaurantes, hoteis, bingo, etc… e un deles
pregúntalle ao que leva os planos do proxecto que se fará nunha chaira árida
preto do bosque. Resposta: unha zona verde (!)
Este fresh start non poder ser un absurdo; ten que ser unha reorentación da nosa perspectiva tras unha reflexión profunda, para construír partindo de cero. A miúdo escollemos técnicas no judo porque son a priori as que mellor se adaptan ao noso físico. Teño pernas largas? Uchi mata, o soto gari, diriamos sen dúbida. Pero acontece que pola razón que sexa, pode que non sexamos efectivos nin con esa técnica, nin cos desprazamentos para chegar a ela, nin moitas cousas máis. Se despois de moito tempo – habería que definir que é moito – non damos solucionado nada, quizais procede usar un plan B, darlle unha volta a todo… e poñer todo patas arriba.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario