A IMPORTANCIA DE APRENDER DO MALO
Cando non temos moito tempo e queremos ver a televisión, para relaxarnos e
gozar do momento, adoitamos buscar unha película que nos poda gustar, que teña
unha boa crítica, que sexa boa, ou se non o é, polo menos que nos entreteña. Cando
lemos un libro, tratamos de elixir un que sexa unha boa lectura. Podemos seguir
con máis analoxías onde o que prima é que pasemos un bo momento e mesmo a
calidade. Non lle vexo ningún problema a isto; ao contrario.
Cando o obxectivo dunha actividade ou acción é aprender, é habitual tratar
de atopar a mellor app, o mellor titorial, pedir referencias dun sitio
onde practicar a actividade desexada, etc. Non é moi distinto dalgún xeito ao
boca a boca que funciona en moitos traballos. Buscamos o mellor. Queremos
aprender do mellor. Tampouco lle vexo ningún problema a isto; ao contrario.
Pero a realidade é que se pode aprender de todo e de tod@s. Se nos gusta o
cine, penso que hai que ver todo tipo de películas, tanto boas como malas. Se
nos gusta a lectura, hai que ler de todo, tanto novela romántica, thrillers,
como ensaios, literatura infantil e libros aburridos ou intragables. Certo é
que estamos moi condicionados pola falta de tempo. Pero ás veces é bo deixarse
levar e ler o que sexa, polo feito de ler.
Para ser escritor@s bos e boas, non só hai que ler os grandes clásicos,
tamén hai que ler a peor bazofia posible. O novelista e autor do cómics tales como Watchmen, V de Vendetta, La Cosa del Pantano, La Liga de los Hombres Extraordinarios e un longo etcétera, dos que hai famosas
versións no cine, o británico Alan Moore fai un comentario moi interesante sobre
isto.
Suxire ser “o máis omnívoro
posible. Le de todo (…). Le tratados filosóficos (…). Le libros malos, porque poden
ser máis inspiradores que os bos. Se te inspiras nun bo libro, sempre existe o
perigo de plaxiar, de escribir algo demasiado parecido. En cambio, unha
reacción realmente útil ante una obra que estás lendo é: Meu Deus, eu mesmo
podía escribir este brodio! É inmensamente liberador. Analiza o que fan mal e descubrirás todos os erros que nos debes
cometer”.
Considero que isto é unha gran verdade.
No judo esta “dobre” aprendizaxe é moi práctica. Sen dúbida aprender d@s
mellores é importante. Ver campionatos do mundo, probar o que fai o campión
olímpico ou a campioa do mundo, ver que todos podemos facer un harai goshi,
tanto @s grandes como nós mesmos... todo axuda moito. Pero non temos que evitar
observar a mala calidade. Axuda en grande medida ver cousas doutros niveis
tamén, mesmo máis, porque se cadra están máis cerca da nosa realidade. Ou algo
que eu persoalmente fago moito como sensei nos adestramentos: mostrar os erros
d@s campións e campioas. A miúdo apréndese máis deles e do feito que mesmo @s
mellores se equivocan, averiguar o porqué, adaptalo ao noso propio nivel...
penso que a miúdo é moito máis inspirador e realista que só poñer as técnicas
imposibles de superdotad@s do judo.
Obviamente practicamos as variantes técnicas d@s grandes, porque son
efectivas e inspiradoras; pero ver as adaptacións máis caseiras e cercanas e
observar os erros garrafais posiblemente nos axuden máis a non caer nos erros
que non debemos cometer.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario