TRASH TALK

O trash talk é un termo que se usa hoxe en día moi a miúdo no deporte, especialmente nos máis “mediáticos”. Se tomamos a definición ao pé de letra tal como aparece no Dicionario Cambridge, refírese aos insultos cara outr@s, especialmente no deporte. En realidade non deixa de ser unha práctica consistente en falar lixo, trash, aos rivais antes e sobre todo durante o partido, usando burlas, insultos, intimidacións, etc. co fin de que perdan a concentración e a efectividade.

É curioso como o trash talk pode ata ser interpretado como unha mostra de personalidade ante rivais máis veteranos quen, cando ven chegar a un xogador novo que promete, aparte de tirar da súa maior experiencia, curiosamente recorren a miúdo á intimidación. Na liga de basket dos Estados Unidos, a NBA, sempre me chamaron a atención varias cousas relativas ao trash talk. Cando un rookie, ou debutante, usa o trash talk, normalmente non llo fai a un veterano, porque se considera unha ousadía. As poucas veces que isto acontece, normalmente o veterano tómao como algo persoal e dálle unha lección de xogo para baixarlle os fumes.

Non obstante, cando un veterano trata de intimidar a un rookie, o normal é que este achante, ou polo menos que non se veña de máis para arriba. Pero se responde arrogantemente, retando ao maior, como se estivésemos a contemplar unha loita entre carneiros machos alfa polo cambio de xefe da manada, ata pode ser visto como, malia o atrevemento, un sinal de valentía. Se o menos experimentado ante o trash talk do xogador curtido en mil batallas responde cun gran partido, gáñase o respecto de todos.

Un dos xogadores máis talentosos do mundo, Luka Doncic, cando entrou na NBA con tan só 19 anos, destacaba entre outras cousas por non só non ter medo ás intimidacións dos rivais máis vellos, senón que isto ata lle motivaba. Famosas son as súas interaccións de trash talk co público rival. Isto ata mesmo fai gracia, porque non baixa a concentración, mesmo o contrario e está presto a devolverlle a xogada a quen se atreva a retalo. Neste caso como se dun cabaleiro medieval se tratase.

O trash talk non é nada novo na NBA. Sorprende ás veces quen eran os maiores provocadores de todos; penso no gran Larry Bird, un aparente xogador tranquilo e non especialmente rápido, pero que non paraba de provocar e insultar. Teño que dicir que, aínda que nalgúns casos considero como positivas a valentía e ousadía de Doncic, estou algo farto de ver que non hai unha soa xogada na que non haxa unha provocación do rival, do público, do propio Doncic e cada xogada acaba en protesta verbal ou xesticulando sobre a decisión arbitral.

Pois ao final resulta que o basket non é tan distinto ao fútbol, tan criticado polo ambiente a miúdo excesivamente cargado e as continuas provocacións no campo de xogo. Non hai que ir moi lonxe, no último Mundial de fútbol houbo partidos nos que a metade do tempo era así e na final non me quedou claro se o partido era de fútbol, rugby, loita libre, campionato de trash talk. Persoalmente nin me gustou o que vin no fútbol, nin me gusta ao que se chegou no basket.

No judo está mal visto este tipo de comportamentos, aínda que hai moitas maneiras de intimidar aos contrarios antes dun combate, mediante quentamentos enérxicos, miradas poderosas, etc. Nas ocasións en que vin no tatami situacións de mal comportamento, ás veces con criterios pouco unificados, a cousa adoitaba acabar cun dos judokas expulsado.

Pero o trash talk para min tomou unha dimensión distinta, ou quizá simplemente agora hai máis medios de facer máis ruído, e o público entra a trapo en moitos deportes. No judo @s espectador@s normalmente son judokas ou xente moi próxima ao judo e durante os combates hai moito berro de ánimo, protesta, consellos, celebracións…. en principio dentro do respecto. Sen embargo, cada vez máis penso que se ven actitudes que me lembran a esa parte negativa dos deportes antes mencionados: a protesta constante de parte do público ante as decisión arbitrais e, incluso máis, o feito de dirixirse todo o rato ao árbitro para lle pedir unha puntuación favorable para o judoka ao que se anima.

As ligas por equipos son moi bonitas e intensas, pero se cadra estamos demasiado ao límite e esquecemos que isto é judo. Ver a equipos reclamando a pé de pista absolutamente todo, berrar  por todo, pedir puntuacións por todas as accións, mesmo directivos, non creo que sexa algo bo nin que dea boa imaxe - aparte de que ás veces me pregunto como non saen @s árbitros coa cabeza como un bombo. E, ollo, aquí ninguén somos sant@s.

Aínda que a min persoalmente me encanta cando un pavillón enteiro está que arde coa intensidade dos combates e do público animando e, de vez en cando -  por que non? -, reclamando algunha acción, debemos tod@s ter en mente que somos judokas e que unha das cousas máis importantes polas que moita xente nos coñece é polo gran respecto que acostumamos amosar pol@s rivais.

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago               


Comentarios

Entradas populares de este blog

LOS ERRORES NO FORZADOS

LAS MANOS DEL JUDOKA

EL ACTOR SECUNDARIO BOB