DER KÜMMERER
Hai un tempo tiven unha interesante conversa cun amigo
alemán en relación a como nos comportamos os seres humanos cara o sufrimento e
os problemas dos demais. Para el, había dous tipos de persoas no mundo: os Kümmerer,
e os que non o son. Non creo que haxa
mellor palabra en calquera lingua para definir este concepto. No significado
que nos atinxe, o Kümmerer é alguén que kümmert, é dicir, que se
preocupa polos demais, que sempre con iniciativa e de maneira activa trata de
resolver os problemas d@s demais.
Resulta moi curiosa a outra acepción que ten esta
palabra no falar alemán dos cazadores e agricultores, xa que se refire a un
animal novo desvalido e fráxil… aquel que precisa que coiden del, non aquel que
coida do resto.
Pero volvendo ao significado que nos
ocupa, como en todo, hai moitos graos e xeitos de preocuparse e coidar
activamente doutr@s. Na serie de televisión Mr. Inbetween supoño que moit@s non verán ao protagonista, Ray, como un Kümmerer,
cando realmente el coida do seu irmán, trata de ser un bo pai, protexe aos
amigos, sempre está para todo, ten códigos moi claros… Mais todo iso ten un
matiz importante: soluciona todo… a punta de pistola.
Polo tanto, é obvio que non todo é branco e negro e hai
moitas precisións que facer: nin unha persoa que non se mostre activamente
preocupada polos demais é que se estea despreocupando, nin o Kümmerer é
un heroe nacional. Pero si que é ben
certo que cando tomamos, nos dan, ou sexa como sexa, asumimos o papel en
cuestión, moi a miúdo o temos tan interiorizado que non sabemos comportarnos
distinto e @s outr@s non agardan outra cousa diferente de nós. Co cal, ás
veces @s “non-Kümmerer” poden non
mover un dedo porque para iso está o Kümmerer, ben porque o fai mellor,
ben porque pensamos que é o que quere. E o Kümmerer pode facilmente caer
no exceso de celo por desempeñar o seu rol e mesmo sentir que só el é quen de
facelo como procede.
Parece case que cae de caixón que no judo @s sensei somos
do primeiro tipo, cousa que probablemente non sempre sexa así. Empecei a pensar
en cantidade d@s judokas que pasaron polo noso club ou que aínda están nel e se
trato de identificar aos Kümmerer, posiblemente algúns e algunhas nin se
deron conta de que o son.
Retomando á reflexión dunhas liñas máis arriba, non porque mostremos publicamente o noso interese por ocuparnos dos demais, signifique que realmente o queiramos, podamos ou saibamos facer. Hai certamente xente e judokas que tanto de maneira explícita como implícita son dese perfil: coidan sempre d@s compañeir@s, d@s nov@s, mesmo d@ sensei. Mais tamén hai persoas que, case de xeito anónimo e discreto, son capaces de ser o vínculo entre moit@s d@s compañeir@s e, sen el@s mesm@s sabelo, están sempre atent@s aos problemas d@s demais e tiran do grupo de maneira incrible. Porque en realidade preocuparse polos demais non entende de xerarquías.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario