HEAVY IS THE CROWN
A verdade é que levaba tempo sen escoitar á famosa banda Linkin Park, mestura de rock,
pop, hip hop, e ata hai pouco non sabía das novas cancións coa
súa nova cantante solista, Emily Armstrong. Polo tanto, non
tiña escoitado o seu tema "Heavy
is the crown", cuxa versión en directo
impresionoume e levoume a esta reflexión.
Seguro que hai moitos modos de
representar o peso da responsabilidade, de estar no cúmio ou de loitar por
estar arriba. Pero xa facía un anaco que non sentía que dito peso estivese tan
ben expresado como nesta peza. A letra da mesma fálanos da falta de paz, do
peso emocional, de todo o que conleva o éxito, a responsabilidade e o esforzo.
A miúdo
idealizamos o feito de estar “arriba” no caso d@s famos@s, d@s empresari@s,
millionari@s e, por conseguinte, d@s judokas de alto nivel – rexional, nacional
e internacional – e, por que non?, tamén d@s sensei. Mais moita xente
esquece que non é ouro todo o que reloce e mesmo como sensei temos que lidiar co peso da coroa
que nos toca levar polo feito de ser sensei. Está claro que hai distintos
niveis de asunción deste rol, pero con pouco que nos preocupemos dun anaco tan
“só” da metade d@s nos@s pupil@s, xa temos chicha para darlle á cabeza para
unha boa tempada.
Cando somos cativ@s moita da nosa
aprendizaxe vai dirixida a ir convivindo pouco a pouco coas tarefas, obrigas e
responsabilidades - así como cos nosos dereitos e liberdades como individuos -,
para ir despois subindo o listón de cara a asegurarse un bo futuro. No judo non
é moi distinta dita evolución e, aínda asi, unha vez chegamos a un nivel con
certa carga de responsabilidade, a miúdo non somos quen de xestionalo.
A coroa que leva cada un pode ser de
moitos tamaños, non só falamos da élite. Vai desde as grandes ata as pequenas
responsabilidades cotiás. Non son pouc@s @s que se queixan dos altos mandos,
pero se se lles propón que asuman el@s ese posto, a meirande parte rexeitará a
oferta nun segundo.
A canción de Linkin Park reflicte moi ben este dilema e, concretamente no minuto 2`10” do vídeo no link a cantante comeza unha parte cun berro desgarrador de 13 segundos (!) coa frase “this is what you asked for”. Como se ese grito fose un toque de atención lembrándonos que queriamos levar a coroa… ou se cadra é todo o contrario, un intento de desfacerse da carga que supón iso que queriamos, porque... “heavy is the crown”.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario