OS DETALLES IMPORTAN... PERO NON SEMPRE

Na serie televisiva de acción Reacher o protagonista usa continuamente a expresión in an investigation details matter (“nunha investigación os detalles importan”), cando está a tratar de esclarecer un caso e a súa busca do máis mínimo detalle roza o obsesivo.

Como xa expuxen noutra reflexión, para min o perfeccionismo non existe na maneira en que tratamos de aplicar este concepto. Pero iso non quere dicir que non pense que non se deba aspirar á chegar á calidade ou mesmo á excelencia. E para logralo, os detalles importan; ou mellor dito: a atención ao detalle importa.

Para ser un bo ou unha boa judoka, primeiro hai que parecelo. Adoito dicir isto cando algún judoka entra co judogi desamañado. O judo per se caracterízase por unha meticulosidade extrema froito dunha filosofía e principios moi claros desde a creación da nosa arte marcial por Jigoro Kano.

@s judokas temos que ser escrupulos@s incluso na maneira de entrar no tatami: como colocamos o cinto, como poñemos o judogi, como entramos no tatami, como saímos del, como nos diriximos @s compañeir@s, ao ou a sensei e un longo etcétera.

@s competidor@s de certo nivel precisan igualmente dunha dose importante de atención ao detalle, tanto nos adestramentos, como na preparación física, a estratexia, a preparación mental  e @ sensei ten que servir de canal para acadar os obxectivos marcados. Recoñezo ter botado horas mirando vídeos e máis vídeos e é algo que me apaixona - se cadra isto é algo inherente a @s senseis-, porque esa atención ao detalle é a que nos permite ver os erros e acertos d@s nos@s pupil@s e dos seus e das súas rivais.

Pero tamén @s judokas que non compiten, @s judokas máis nov@s, en xeral tod@ judoka ten que fixarse nos detalles e @ sensei ten que estar atent@ en todo momento, xa que non hai cousa máis difícil de corrixir que un erro repetido ata a saciedade. Levad@s pola inercia, cantas veces temos practicado mal unha técnica, o que obriga a terlle que dedicar o dobre ou triplo do tempo a corrixila.

Mais todo ten o seu momento e non sempre hai que corrixir ou fixarnos en todos os detalles. A miúdo acontece que de tanto buscar o complicado, pasamos por alto o máis simple. En toda aprendizaxe hai distintas fases e unha delas, sexa cal sexa o noso nivel é precisamente iso: ser quen de pasar ao seguinte nivel. Pasar dun nivel cualitativo ao seguinte non é sempre doado, porque a miúdo froito dos nosos medos, da nosa zona de confort, e doutras moitas razóns, non somos capaces de mellorar. Se cadra nalgúns momentos trátase primeiro de atreverse a facer algo sen pensar moito, polo menos intentalo, e logo xa iremos pulindo os detalles.

Penso sobre todo nas caídas ou en técnicas que non damos feito, ou mesmo na nosa técnica especial que de súpeto deixa de ser efectiva. Adoito comparar esta situación coa aprendizaxe de idiomas. Todo o mundo quere falar ben un idioma estranxeiro, pero isto non acontece da noite á mañá. Na miña experiencia, sobre todo ao principio, o que menos importa e se se din as cousas ben ou mal, senón principalmente ser capaz de lanzarse a falar, comunicar e, unha vez acadada unha certa soltura e antes de caer na repetición dun erro de maneira moi continuada, xa podemos ir ao seguinte paso e entrar no detalle.

Porque os detalles importan… pero non sempre.

 

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              

Comentarios

Entradas populares de este blog

LAS CUATRO VIRTUDES CARDINALES

NON VALE TODO PARA SER MELLOR

LA PRECOCIDAD NO GARANTIZA EL ÉXITO