O PERFECCIONISMO NON EXISTE

O perfeccionismo non existe.

Ou máis ben: non existe o perfeccionismo entendido como o intento de alcanzar un grao de excelencia próxima á perfección – existe tal cousa?

Creo que non hai un termo que nos últimos tempos cause en min máis escepticismo que a palabra “perfección”. Eu creo vehementemente na procura da calidade e da mellora diaria, mais non creo no uso xeneralizado desta palabra por unha grande parte das persoas. Cheguei á conclusión de que moita da xente que se auto define como perfeccionista era máis ben todo o contrario, vistas as grandes diferenzas entre a palabra e os feitos.

De formación académica orientada cara aos idiomas sempre me sorprenderon os silencios incómodos que se producían nas aulas, cando había que falar en inglés, por medo a facer o ridículo. De feito o medo do español a falar inglés está tan arraigado que hai unha infinidade de estudos que o mencionan.  Pero o que máis me abraiaba era a recorrente afirmación de que, como eran tan perfeccionistas, só empezarían a falar cando, tras estudar correctamente, foran quen de falar sen cometer erros.

Se aplicamos isto ao judo, quere dicir que para poder executar unha técnica perfectamente, non hai que practicala nunca, só cando teñamos a certeza de que o noso corpo e a nosa mente, sen adestramento ningún, poderán levala a cabo. Sen comentarios.

Por outra banda, moit@s psicólog@s afirman que a busca dun ideal imposible e dun concepto inalcanzable pode mesmo levar a unha frustración constante.

Probablemente unha das persoas máis obsesivamente “perfeccionistas” sexa o falecido xogador de baloncesto Kobe Bryant. Non só tiña unha atención extrema ao detalle e adestraba pola noite, senón que mesmo, cando Pau Gasol foi fichado polo seu equipo Los Angeles Lakers, foi visitalo de madrugada no seu primeiro día ao hotel para dicirlle que era benvido e que ían gañar a liga. 

Pero Kobe Bryant deixou numerosas reflexións moi intelixentes, algunhas das cales fan referencia precisamente ao que moitos chamarían perfeccionismo. Este formidable xogador máis ben afirmaba: “a pregunta que un debe facerse a un mesmo: son mellor cada día?”. Para chegar a iso, dicía que un ten que dar pequenos pasos todos os días, sen buscar o éxito inmediato e sen ter dúbidas sobre se se vai chegar a facer algo ben ou mal. Dicía que dubidar era perder o tempo. Trátase de facer o que un pode controlar e ver o resultado. Porque gañes ou perdas tes que volver a espertar e facer o mesmo á mañá seguinte.

Se cadra só vai diso. Non usar grandes palabras como perfeccionismo ou similares, nin pretender alcanzar o inalcanzable. Tan só dar pequenos pasos todos os días, poder mirarse ao espello e dicir: hoxe fíxeno mellor que onte, ou polo menos intenteino.

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

LAS CUATRO VIRTUDES CARDINALES

NON VALE TODO PARA SER MELLOR

LA PRECOCIDAD NO GARANTIZA EL ÉXITO