A EMPATÍA: MITO OU REALIDADE?
Non sei se é a miña impresión ou
hoxe en día está de moda a palabra “empatía” e, como adoita acontecer con
moitos termos, de tanto usalo, ás veces non é utilizado como se debe ou
abusamos del. Segundo o dicionario da Real
Academia Galega a empatía é a “identificación
afectiva cos sentimentos ou estado de ánimo doutra persoa”.
Se analizamos a frase detidamente,
penso que unha gran parte da xente se considera empática, porque a priori
identificarse cos sentimentos doutras persoas ou entendelos en moitos casos
pode parecer evidente. Para min a empatía está nun nivel similar a conceptos
como a obxectividade ou a perfección. Creo neles máis como unha aspiración
individual e colectiva de achegarse só parcialmente a algo que sexa parecido á
obxectividade ou a perfección, que como a meta real e factible dos seres
humanos.
Identificarse cos sentimentos e
estados de ánimo dos demais considero que probablemente sexa unha das cousas
máis complicadas de conseguir. Estaremos cerca ou miraremos cara eles con
sensibilidade, pero sentilos coma nosos, considero que é case imposible. Estou
afeito a escoitar esta palabra cando alguén se refire aos estados de ánimo
negativos doutras persoas, como se ser empátic@ fose a capacidade de entender o
sufrimento d@s demais e compartir a ledicia dun momento e alegrarse por alguén
fose simplemente un sentimento positivo que nos contaxiaron no fragor da
situación.
Sexa o que sexa, se tomamos esta
palabra ao pé da letra, a empatía posiblemente sexa unha das capacidades máis
importantes en moitas profesións e actividades cuxa base é o trato humano e
polo tanto tamén d@s sensei. Creo que este e outros moitos termos
aplicables ao que se espera dun sensei forman parte doutro concepto
superior. Deste xeito, termos como psicoloxía, coñecemento, amabilidade, enteireza,
flexibilidade, igualdade, constancia… na miña opinión, ben se poden encadrar
dentro dun termo que os une ou contén parcialmente. A lingua alemá é moi dada
aos compostos e usa un que me encanta: “Anspassungsfähigkeit”.
E tan panchos que se quedan. En cristián: adaptabilidade ou capacidade de
adaptación.
Esta capacidade permite que
tiremos dunha ou outra das ferramentas, calidades ou conceptos antes
mencionados, en función do contexto, do momento e da persoa. Esa adaptabilidade
permítenos igualmente ter a empatía suficiente para xestionar os sentimentos d@s
nos@s alumn@s tras un fracaso ou erro, pero tamén tras un éxito. É unha das
calidades que fai que nos adestramentos saibamos cando corrixir, cando meter
“brasa”, en definitiva como ler n@s demais e interpretar se é o momento dunha
cousa ou non.
Non concibo persoalmente a miña
actividade como sensei sen tratar de achegarme aínda que tan só sexa un
anaco a algo que se pareza á empatía. Como tampouco concibo ser sensei
de competidor@s sen eu tratar de entender como funcionan a súa cabeza e os seus
estados emocionais, porque só dese modo poderei saber que estratexia usar para
sacar o mellor del@s.
A empatía, sexa un concepto inalcanzable ou non, é algo ao que os seres humanos en xeral e @s sensei en particular temos que aspirar para nós ser mellores e axudar a outr@s a ser mellores.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario