POR QUE FAGO JUDO?

 

Cando nos preguntan ou nos preguntamos por que facemos judo, posiblemente haxa que distinguir entre as razóns que nos levaron a empezar e as que a día de hoxe nos fan seguir.

Vocación? Ista sería probablemente unha palabra que podería vir ás nosas cabezas. Escribe o dicionario da Real Academia Galega: é a “inclinación dunha persoa cara a unha determinada actividade ou modo de vida, en especial a artística ou a relixiosa”.

Se é nunha idade moi nova, raro é que un neno ou ou nena lle diga ao seu pai e á súa nai que no futuro quere ser judoka; se cadra, en todo caso, futbolista. A vocación en certas idades se cadra son palabras maiores. Aparte, @s nen@s polo xeral cambian de gusto como de chaqueta. 

Tamén é certo que hai xente que desde moi cativa pensa nalgo concreto e, como reza o dito da miña zona, a cabra bótase ao monteParece lóxico que rapaces ou rapazas que de cativ@s están todo o rato agarrándose e facendo como que loitan, acaben facendo judo, un deporte de contacto, rugby, etc.

Así por exemplo, un dos mellores baterías do mundo, Mike Portnoy, afirma que, se ben en tocar a batería como tal non pensou ata os 10-11 anos, de pequeno sempre estaba a facer ritmos con mans e pes todo o día.

O habitual é que, se empezamos de nen@s, nos metan na actividade porque lles parece adecuada, pola disciplina, porque coñecen a alguén que a fai ou a fixo, porque está de moda, por saber defenderse, por probar, por facer un deporte, por pasar o tempo, etc. No meu caso foi tan sinxelo como que, tendo eu catro anos, apareceu un sensei polo colexio onde estudaba e explicou o que era o judo e meus pais apuntáronnos a min e a meu irmán. E aquí sigo no judo.

Hai o que entra case por casualidade (inconscientemente?), de súpeto atópase con algo que non esperaba e fica enganchado, como se atopara un tesouro que non quere soltar. Lémbrame á novela “La neblina del ayer”, do galardonado escritor cubano Leonardo Padura, na que o protagonista, ex detective e na actualidade comprador e vendedor de libros, atopa unha fabulosa biblioteca nunha casa que permanecera cincuenta anos pechada, onde aparecen xoias bibliográficas que lle cambiarán a vida.

Agora moit@s proban moitas cousas distintas ata unha idade e logo elixen, ou proban moitas e acaban deixando todo, outr@s compatibilizan o judo con outra cousa, e outr@s só fan judo; antes, case era pecado deixar o iniciado. Se cadra, unha postura no medio, ou que haxa de todo, sería o ideal, pero teño a sensación de que se pasou dun extremo ao outro.

Polo tanto, agora viría a pregunta por que seguimos facendo judo. Primeiro, porque nos gusta, polas súas ventaxas, porque é parte das nosas vidas, mellora da autoestima, facer algo que nos enche e nos fai esquecer por momentos os nosos problemas... miles de razóns. Pero unha vez empezado algo e se levamos moito tempo facendo e, mesmo habendo unha boa inercia e estando content@s, sempre hai un punto de inflexión onde nos pensamos se continuamos ou non, e indagamos nas motivacións ou obxectivos para seguir ou razóns para non seguir. Sacar o cinturón marrón, chegar ao negro, ter algún resultado bo... son algunhas das principais metas que adoitamos escoitar que fan que @s judokas atopen un incentivo. Moitas veces o bo ambiente nun club axuda a continuar facendo, aínda que os nosos obxectivos cambien radicalmente. Imos por pasar un tempo nalgo que nos gusta ou apaixona ou antes o facía, compartindo ese momento c@s compañeir@s de faena.

@s competidores que lle dedican unha cantidade de tempo importante ao adestramento xa entran noutra categoría a nivel das motivacións polas que seguir. Pero el@s tamén se preguntan por que fan judo, ou polo menos unha parte del@s. O grao de compromiso con nós mesm@s é moi alto e implica moitas cousas. Na miña época de competidor confeso que chegou un momento no que xa non sabía se facía judo pola competición ou competía polo judo; e daba igual en realidade.

Quizáis deberiamos facer co judo como fai coa música e a arte a innovadora violinista e artista Lindsey Stirling, quen dicía unha vez que ela facía arte por amor á arte e pola súa propia gratificación egoísta. 

Manuel Mallo 

Judo Club Terras de Santiago 

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

EL JUDO, UN DEPORTE DE EQUIPO

LA CURIOSIDAD NO MATÓ AL GATO

ESPEJO MÁGICO: ¿QUIÉN ES LA MUJER MÁS BELLA DEL REINO?