É JUDO OU O PARECE
Hai tempo lía unha entrevista ao virtuoso guitarrista Steve Vai na que afirmaba que a mellor lección que aprendera do seu profesor e tamén famoso guitarrista Joe Satriani era que “a calidade da melodía é o máis importante dunha canción. E cando poñas os dedos na guitarra, asegúrate de que o que saia sempre soe a música”. A segunda frase é a que máis pensativo me deixou e levoume á inevitable conexión co judo.
Cando imos a clase ao colexio pasamos horas nas que temos todo tipo de
sensacións e sentimentos, desde a ilusión ao aburrimento, e cantas veces parece
que asistimos á clase por pasar o tempo e porque é ensino obrigatorio. Unha pregunta que se escoita de cotío ao saíren @s
nen@s do colexio tanto tralas clases como logo das actividades extraescolares
é: que tal o pasaches hoxe? Nada en contra desta pregunta, entendible e
xustificada e mesmo necesaria. Pero cóstame lembrar cantas veces escoitei a
pregunta: que aprendiches hoxe? Non digo que non se formule, nin que non sexa
importante para moita xente, simplemente que, xeralizando moito, parece que o
gozo e a aprendizaxe fosen termos contrarios un ao outro, cando en realidade
poden ser ata inseperables. Que bonito é aprender e pasalo ben ao mesmo tempo e
que rápido se aprende cando o pasamos ben!
Todo isto pode semellar moi obvio, pero a dicotomía gozar e aprender é
relevante para @ sensei, cando por exemplo prepara unha clase para @s
máis pequen@s. Temos que pensar como facer que tod@s se respecten entre el@s,
que manteñan a atención – a
sobrestimulación da nosa sociedade é un dos maiores inimigos -, que desfruten,
que o pasen ben, que se porten ben… e que aprendan... e que fagan judo.
Para min detrás destes temas o fondo nos debería sempre levar ao mesmo
punto: @ judoka ven a que lle aprendan judo e @ responsable desa aprendizaxe é
@ sensei. Ás veces nos adestramentos uso ironicamente unha frase c@s
judokas que levan moitos anos cando fan algo raro ou reaccionan contra naturam nun exercicio ou acción como se fose
a primeira vez que fan judo. Dígolles algo así como que ese exercicio que están facendo, xa que non sae como debería, polo menos que pareza que é
judo.
Se a aprendizaxe
non importa o que merece, botaremos anos facendo judo, seguramente pásandoo
bomba e de cando en vez “soará a frauta”
– perdón polo símil - como o protagonista da famosa fábula de Tomás de Iriarte, e pensaremos que sabemos judo porque ese día nos saiu ben
unha técnica, pero no fondo, non aprendimos o que podíamos aprender.
Co cal, volvendo ao principio da reflexión, se cadra o que importa é que sempre que poñamos as máns no judogi d@ compañeir@ de adestramento, nos aseguremos de que o que saia sempre sexa judo.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario