O ÉXITO ESTÁ INFRAVALORADO

 

A xente adoita dicir que a sociedade actual é moi competitiva. Eu estou de acordo en que en moitos temas é así e que se promove sobre todo nas altas esferas a creación dunha élite cada vez máis alonxada do resto d@s mortais. Pero non penso que no día a día da meirande parte da xente a competitividade sexa o motor que nos move, máis ben creo que é o contrario.

Palabras como competitividade, gañador, éxito, horas de adicación a unha actividade… para moitísima xente son negativas. Está claro que nada é branco ou negro e ten que haber un equilibrio, polo que ten que haber persoas ás que lles dea igual chegar a un certo nivel e outras que queiran ser as mellores do mundo. O problema para min é cando só temos eses dous polos e a miúdo teño esa sensación.

Lembro en conversacións cun familiar no pasado que a miúdo saía a frase “é que ti es moi competitivo”, normalmente cando nos referiamos ao tempo adicado a tratar de facer algo ben, e era interpretado como algo negativo. Neste sentido acabei por dicirlle que estaba algo canso de escoitar iso como razoamento repetitivo, porque para min a competitividade dun modo “san” pode ser moi boa e considero que hai moita xente que non se esforza  en nada - e está no seu dereito – e non sería xusto que cada vez que se fale destes temas eu lles dixera “total, como ti non tes interese por nada”. Como dixen antes, non todo é dunha soa cor.

Hai un par de anos asistindo como espectador a un torneo de cross para distintas categorías de idade, o comentarista no micro antes da primeira carreira refiriuse á entrega de medallas e dixo: A distancia é a mesma para todos, hai que premiar o esforzo. Xusto acabando de dicir isto, frenouse e foi como se sintira que dixo algo politicamente non correcto. Acordeime nese momento dunha situación na que o meu sobriño hai tempo me preguntou se eu competira, afirmei que si, e a seguinte pregunta foi se gañara medallas, asentín e insistiu preguntando se eran por participar ou por gañar. Eu, de cativo, non coñecín esa noción do premiar por asistir.

Ten toda a razón o fundador dos Xogos Olímpicos modernos, Barón Pierre de Coubertin , no seu clásico:  “O máis importante do deporte non é gañar, senón participar, porque o esencial na vida non é o éxito, senón esforzarse por conseguilo.”

Isto lévanos inevitablemente ao concepto de éxito e, como ben di o barón, o tema non é conseguilo, senón tratar de telo. Eu persoalmente entendo que hai varios niveis de éxitos, non se trata de medallas, trátase de esforzarse por conseguir algo; calquer avance pode ser un éxito. O barón non descarta o éxito. Non di que só importe acudir ao evento, o que importa é o traballo que hai detrás.

Por iso, cóstame en moitas ocasións ver como algo positivo cando se relativiza ao extremo o “fracaso” e se demoniza o “éxito”. O equilibrio é a clave de todo, penso eu. Se non nos sae nada ou como queremos, acumulamos unha frustración importante e o risco de deixalo é alto.

A verdade é que ¡que ben ven de vez en cando ver que as cousas nas que nos esforzamos están tendo os seus froitos!

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              


Comentarios

Entradas populares de este blog

ESPEJO MÁGICO: ¿QUIÉN ES LA MUJER MÁS BELLA DEL REINO?

POR QUE FAGO JUDO?

EL JUDO, UN DEPORTE DE EQUIPO