XANO – XANEIRO: O DEUS E MES DAS DÚAS CARAS

 

Unha das representacións de deidades que sempre máis me gustou é a do deus romano Xano (Jano en castelán) e, especialmente, a que aparece nas pinturas murais do Panteón dos Reis de León na colexiata de San Isidoro na cidade de León. O teito está decorado con pinturas orixinais do século XII e nun arco vemos un calendario medieval, onde o primeiro mes do ano, xaneiro, é un home con dúas caras que abre ao unísono unha porta e pecha outra.

En moitas linguas a orixe do nome do mes de xaneiro ven efectivamente do deus Xano, ou mellor dito, do latín vulgar Jenuarius, no caso do galego, e Ienarius en castelán, que derivan da mencionada divindade. Xano simboliza a dobre natureza e faciana da vida e de nós mesm@s, o inicio e o fin nun ente único.

No judo esta época do ano é igualmente un punto de inflexión da tempada. No berce do judo, o Kodokan, ten lugar durante os 10 primeiros días do ano o Kangeiko, cuxos comezos se remontan a 1884, que consiste en adestrar antes da saída do sol nas duras condicións do inverno. A súa finalidade é clara: fortalecer o corpo e a alma. A contraposición no verán é o Schochu-Geiko.

Para min, o período de finais de decembro e principios de xaneiro sempre foi unha estraña época a nivel xeral e, en particular, no judo.

Actualmente, a tempada de judo está programada en moitos lugares non por ano natural senón desde outubro dun ano ata finais de setembro do seguinte. Pero moitas competicións importantes organízanse ao final do ano natural ou, hai tempo, incluso en xaneiro. A día de hoxe o campionato de España absoluto é a finais de novembro, polo que para moitos a sensación de fin de tempada fica ligada ao ano natural, aínda que dita tempada oficialmente acaba como de comezar. O verán supón unha pausa máis clara e contundente, se ben para algunhas categorías os torneos relevantes son precisamente no final do estío.

As vacacións de Nadal axudan a “complicar” máis as cousas, xa que é unha celebración que non deixa indiferente a ninguén, xerando ledicia e nostalxia por igual. Na nosa arte marcial, para moit@s os obxectivos quedan xa atrás e semella que non hai razón para seguir adestrando forte, mais tamén precisamos dunha pausa; por outra, xaneiro é o mes anterior a moitos torneos importantes e o inicio do ano natural, e costa arrancar.

Non creo que haxa ningunha imaxe mellor que Xano, o deus das dúas caras, para expresar a dicotomía desta curiosa época do ano.

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              

Comentarios

Entradas populares de este blog

EL JUDO, UN DEPORTE DE EQUIPO

LA CURIOSIDAD NO MATÓ AL GATO

A SOIDADE DURANTE A COMPETICIÓN