TEN QUE SER


Na miña aldea dise moito esta frase e, ultimamente, non paro de oíla, ou posiblemente préstolle máis atención que antes. A cuestión é que empecei a reflectir nas situacións nas que adoito escoitar esta expresión e no seu significado. En teoría non significa nada máis que “éche o que hai”. Pero para min non se queda aí.

Como xa comentei noutras reflexións, creo vehementemente no poder da palabra repetida de xeito continuo como creadora de hábitos, sexan bos ou malos. Certo é que ás veces non é doado saber se foi primeiro o ovo ou galiña, se é a forza de repetir algo que acabamos crendo o que dicimos, ou se o dicimos porque o cremos e terminamos por dicilo repetidamente. Cando nos din que somos gracios@s, acabamos crendo que o somos e ao mellor dicimos cousas fóra de contexto e sen gracia ou, con moita sorte, realmente fan gracia os nosos comentarios e si que somos gracios@s.

No caso desta expresión, dinme conta de que @s veciñ@s a utilizaban cada vez que acontecía algo negativo, molesto ou inoportuno, pero que é de obriga realizar e non queda outra… ten que ser. Se aparecía cunha lesión e preguntábanme que pasara e contestaba que tocaba un tempo de recuperación, a resposta era simple e contundente: “ten que ser, ten que ser”. Viña chuvia e había que recoller toda a leña cortada… “ten que ser, ho, ten que ser”. Hai que facer podas e non da tempo…. “ten que ser”.  Por mor do traballo hai que coller seguido o coche… “ten que ser, ten que ser”.  Parecía que calquera fatalidade ou traballo pesado “tiña que ser”. A pesar do uso dunha frase devastadora cun verbo tan contundente como ter que en lugar de usar deber ou o condicional - niso os ingleses son auténticos mestres da corrección co verbo must – a realidade é que nos fala da aceptación do inevitable, da asunción da responsabilidade, de tomar accións ante un problema, de pasar polas fases necesarias de calquera complicación. Visto deste xeito, o que de partida semella ser negativo, en verdade é algo positivo, porque esta expresión é como un martelo que nos esperta e impulsa a tomar iniciativas, a afrontar un conflito, a ser emprendedor@s, a actuar e non esperar…

No judo véñenme á cabeza mil situacións na que a resposta ben podería ser un “ten que ser”:

Quero dominar unha técnica, teño que repetila moitas veces, non dou… ten que ser!

Quero involucrarme máis no club, teño que relacionarme c@s demais, o cal cóstame… ten que ser!

Teño medo a un exercicio, teño que intentalo, pero non me atrevo… ten que ser!

Quero gañar campionatos, disque teño que adestrar máis, que pereza me da… ten que ser!

Quero subir de cinto, teño que aprender unhas técnicas, pero non teño nin ganas nin tempo... ten que ser!

Poderíamos botar así todo o día, a verdade. A vida e o judo están cheos dunha infinidade de “tenqueseres” e aceptalo é xa de por si un gran paso para ser mellor persoa e judoka, porque … ten que ser!

 

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              

Comentarios

Entradas populares de este blog

EL JUDO, UN DEPORTE DE EQUIPO

LA CURIOSIDAD NO MATÓ AL GATO

A SOIDADE DURANTE A COMPETICIÓN