OS GUERREIROS DE TERRACOTA DE XI’AN, CHINA
No ano
1974 un labrego atopou por casualidade en Xi’An, China, un dos xacementos
arqueolóxicos máis importantes da humanidade. Aínda que moito está por
desenterrar, o mausoleo do primeiro emperador Qin (210 a.C.), patrimonio mundial
pola Unesco, é un conxunto de miles de soldados, xenerais, mesmo cabalos e outros elementos, todos eles en
tamaño natural e modelados en terracota.
O
sorprendente non é soamente a cantidade, calidade, época de realización e
realismo das figuras, senón o feito de que estas figuras, que a primeira vista
asemellan ser iguais, en verdade representan todas elas seres humanos con trazos
distintivos.
Por
raro que poda parecer, a miúdo penso neste xacemento, cando nos distintos eidos
da miña vida escoito a alguén falar dunha persoa achegada como se só esa persoa
tivese unha característica concreta e fose, digamos, especial. Non digo que non
o sexa, pero cantas veces falamos d@s nos@s alumn@s, fill@s, amig@s, etc como
xente especial e diferente aos demais. Se cadra en maior ou menor medida o son.
Mais,
no fondo, non deixamos de ser como esas estatuas de China. Analizad@s a
primeira vista, somos todos moi semellantes, o noso ADN ten moito en común con
outros animais, mesmo coa mosca, as
nosas pautas de conducta son incriblemente similares, etc. Cheguei á conclusión
de que os estereotipos ou clixés, por moito que non me guste nin a idea nin
xeneralizar, non deixan de estar baseados na repetición continuada de certas
expresións, pautas, comportamentos, costumes, por parte dun conxunto maior ou
menor de persoas. Incluso podemos saber de onde ven unha persoa só pola maneira
de protestar por algo, ou por como reacciona ante unha desgracia ou ante unha
boa nova.
Neste
senso, penso que a palabra “especial” perde moitas veces o seu sentido polo seu
uso excesivo ou, baixo a miña opinión, impropio. Ás veces teño impresión de que
cando definimos a alguén achegado a nós como “especial” – no caso d@ sensei,
cando falamos dun ou dunha alumna- é
especial polo simple feito de ser “nos@”.
Sen
embargo, ao igual que os guerreiros de cerámica, a pesar das aparencias, tod@s
temos algún trazo distinto ou simplemente unha mestura de trazos que non teñen
outr@s, ou non desa maneira, e que nos fan ser algo diferentes.
Aplicado
á vida en xeral e ao judo en particular, digamos que, por paradoxal ou
simplista que poda parecer, para min, tod@s somos iguais e diferentes á vez.
Como sensei
teño a obriga de tratar a todo o meu alumnado con igual respecto, darlles as
mesmas oportunidades; o feito de ver tant@s judokas durante a miña vida axúdame
a recoñecer patróns de conducta e situacións que se repiten e, grazas a iso,
resolver situacións ou saber que funciona e que non.
Mais ao
mesmo tempo, non podo caer na xeneralización fácil, en pensar que algunha
cuestión negativa, por moito que se poda repetir en vari@s judokas, por ser
reincidente, non merece ser resolta. Ao contrario, considero que como formador
debo buscar ese pequeno detalle que diferencia a cada un e cada unha dos meus e
das miñas alumnas, para mellor comprendel@s e a personalizar o meu seguimento
d@ judoka e, deste xeito, contribuír a que el@s obteñan o mellor rendemento posible
como judokas e persoas.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario