A MEMORIA: ESA FACULTADE TAN ESQUECIDA
É obvio
que as sociedades cambian e temos que adaptarnos aos cambios. As destrezas,
necesidades, habilidades e demais ferramentas van evolucionando, varían, incluso
desaparecen e aparecen outras novas. Simple lei de vida.
Creo
que na sociedade actual hai unha facultade que estamos deixando de explotar: a
memoria. Uso o termo facultade porque é así como a define o dicionario
da Real Academia Galega: “facultade que permite reter na mente e facer
presentes, mentalmente, cousas pasadas”. Noutra das súas entradas defínea como
o “recordo colectivo que queda de algo ou de alguén”.
Cando queremos ir a un sitio, xa non tratamos de lembrar ou ler os carteis,
simplemente poñemos o google.maps ou o GPS. Persoalmente, nunca vin tanta xente
como agora que non da chegado aos sitios, ou que se perda tanto, porque non
interpreta o GPS, só mira para el sen ligalo coa estrada e os carteis cos nomes
das localidades, ou mesmo aínda de ter xa estado varias veces nun lugar, non
lembra como ir, porque só está afeito a ir mirando para o GPS. E falo mesmo de
profesionais do transporte.
Penso
que o principio fundamental que se impón hoxe en día é o da inmediatez, cousa
que podo entender. Moitas das
ferramentas actuais están pensadas para facilitarnos o noso traballo e as nosas
accións, pero unha cousa é facilitar e outra facelo por nós. Para min a cuestión é a excesiva dependencia de
certas ferramentas e como algunhas das nosas destrezas ou facultades – que non
deixan de ser outra ferramenta máis – van caendo en desuso. Considero que non
se debe depender exclusivamente dunha soa ferramenta, sexa dixital ou “humana”.
Non podo pretender lembrar todo, pero tampouco podo pretender non lembrar nada
e que un botón solucione todo.
Eu
persoalmente non creo nos inventos nados dunha idea abstracta sen conexión con
algo xa preexistente. Todo parece ter unha ligazón con algo que, consciente ou
inconscientemente, lembramos. A xente tende a confundir memoria con chapar
cousas sen entendelas. A memoria é moito máis que iso.
Que ten
que ver todo isto co judo?
Se
pregunto polo nome dunha técnica, moit@s din, case antes de formular a
cuestión, que non se lembran. Cando hai un campionato, moit@s non lembran @s
rivais cos que combateron e, polo tanto, tampouco a súa técnica especial. Os
fundamentos e conceptos de judo, se non se repiten continuamente, non se
lembran. Sen o coñecemento das técnicas e dos fundamentos falta unha das bases
para subir de cintos en judo.
É
sorprendente a cantidade de adult@s que me presentan ou coincidimos nalgún
sitio que fixeron judo de cativ@s. Debo dicir que en todos eses numerosos
casos, a persoa en cuestión, chegara ao cinto que chegara – desde amarelo ata
marrón ou menos - empeza motu proprio a dicir os nomes das técnicas en
xaponés, a súa especial, etc… tras 20, 30 ou 40 anos sen facer judo.
Repito
que a memoria é unha ferramenta máis, pero se cadra é a máis importante, e nestes
tempos a miúdo non facemos o esforzo mental de buscar na nosa mente.
Confeso
que nos adestramentos destes últimos anos ás veces teño tido a sensación de
estar reseteando a mesma información unha e outra vez, como se estivese
no filme Memento, no que o protagonista por mor dun accidente
perde a memoria a curto prazo e non sabe nin o que fixo o día anterior, co cal
usa toda sorte de trucos para saber que facer – poñerse mensaxes, tatuaxes,
etc. avisándose así mesmo.
Obviamente,
a situación non é tan extrema, pero iso deume unha idea. Cando @s alumn@s me
respondían ante o nome dunha técnica que non lembraban, eu preguntáballes que
fixeron ese día. A resposta era clara: non sei. Así que lles preguntei que me
dixeran por orde cronolóxica que tomaron no almorzo, cales foron as súas
accións unha por unha. E entón si que eran capaces de lembrar.
Fixen
outro experimento: collín un texto de case 20 palabras en alemán de Hermann Hesse, que
dicía que non hai camiño máis difícil que percorrer que o que leva a un mesmo. Dinlles
uns minutos para memorizalo e logo cada judoka tiña que dicirme o que lembraba.
Houbo de todo, pero moit@s foron capaces de memorizar máis da metade dun texto
nunha lingua que nin coñecían, nin entendían, nin sabían de que ía o texto.
Usei
outras fórmulas para optimizar o uso da memoria aplicada aos adestramentos,
porque todos eses experimentos demostraron que “a esperanza é o
último que se perde” e que
realmente esa ferramenta témola tod@s, independentemente de ser mellor ou peor
estudante e de que en moitos casos a teñamos oxidada en maior ou menor medida.
Grazas
a esta facultade @s judokas son quen de mellorar tecnicamente, o seu corpo
lembra a rutina do traballo muscular, @s judokas reteñen os coñecementos
técnicos e tácticos, coñecen a rivais e compañeir@s, poñen en práctica o
aprendido… en definitiva, poden aspirar a ser mellores judokas.
M. Mallo
Comentarios
Publicar un comentario