O TALENTO "DESPERDICIADO"

Cando falamos do talento “desperdiciado”, venme á cabeza unha escena do filme presentado en España como “El indomable Will Hunting” (Good Will Hunting) no que o actor Ben Affleck, representando a Chuckey, lle di ao seu mellor amigo, Will Hunting (o actor Matt Damon), o que significa para el, persoa sen grandes aspiracións na vida, ver ao seu mellor amigo desperdiciando o seu talento único.

A película en cuestión fala do talento extremo e único; eu aquí non quero falar dese tipo de talento, senón do talento como concepto máis accesible e con distintos graos. Definir o que é o talento e quen o ten xa é de por si unha tarefa complexa. Un dos meus escritores preferidos, Edgar Allan Poe, na súa historia curta satírica cun sorprendente final, The Man That Was Used Up (1839) - en España “El hombre que se gastó”- mostra a un narrador que pregunta a varias persoas detalles concretos dos talentos  e éxitos dun famoso militar, que parecen  obvios para tod@s. Pero canto máis pregunta, máis se da conta de que a realidade é que ninguén sabe con certeza cales son tales talentos. O baterista El Estepario Siberiano, xa mencionado noutra reflexión, basicamente di que o talento é unha mentira. Todo é traballo e empeño.

Sexa o que sexa o talento, cando @s adestrador@s de judo temos judokas que pensamos que teñen talento ou, dito doutra maneira, parece que poderían destacar no judo, tratamos de que @ judoka en cuestión se esforce por explotar dito talento. Buscamos con tanta ansia sacar o mellor d@ nosa@ pupil@ que ás veces esquecemos se realmente iso é o que quere es@ judoka. O meu obxectivo como adestrador de judo é tratar de sacar o mellor d@s meus alumn@s como judokas  e como persoas. Pero cheguei á conclusión de que ás veces, ao igual que pasa c@s fill@s, chega un punto en que non podemos ter máis interese que @ interesad@ e que co tempo sacar rendemento a ese talento é decisión d@ judoka.

Entón a pregunta sería: se nalgúns casos semella claro que @ judoka non quere mostrar ese talento que nós lle vemos, ¿por que insistimos? Supoño que iso se debe a que no fondo, por moito que teñamos que aceptar que dado un momento xa é a súa decisión, ¡como doe ver que persoas que apreciamos non queren sacar o mellor de si mesmas!

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago                    

Comentarios

Entradas populares de este blog

EL JUDO, UN DEPORTE DE EQUIPO

LA CURIOSIDAD NO MATÓ AL GATO

A SOIDADE DURANTE A COMPETICIÓN