ANGRY CHAIR


Sitting on an angry chair, angry walls that steal the air (sentado nunha cadeira enfadada, paredes enfadadas que rouban o aire). Así comeza Angry chair a canción de Alice in chains, grupo de música grunge. Esta peza – confeso, unha das miñas favoritas - é unha reflexión sobre os conflitos internos e a presión da vida moderna.

Penso que todo o mundo senta por momentos, a miúdo ou constantemente nunha “cadeira do enfado”. Sempre crin que o judo tiña un certo compoñente terapéutico e axudaba a esquecer ou deixar a un lado, aínda que fose momentaneamente, os nosos problemas cotiáns e que cada vez que entramos no tatami, erguémonos desa cadeira do enfado e pasamos a modo judoka.

Mais non sempre é tan doado. Teño visto tanto opositores soltarse completamente en judo tras 14 horas de estudo diario, como judokas normalmente nov@s que, non só non se erguen desa cadeira ao entraren no tatami, senón que a traen consigo e fican sentad@s nela durante todo o adestramento.

Por desgraza isto acontece agora máis que antes, sobre todo entre @s (pre)adolescentes e xente nova en xeral, resultado, penso eu, dunha sociedade cada vez máis complexa, a pesar do noso maior confort. Unha das súas manifestacións máis típicas é poñerse á defensiva ante unha corrección, un exercicio que non nos gusta, medo a algunha acción, ante o adestramento en xeral, un combate... Certo é que poñerse á defensiva, tal como o define o Dicionario da Academia Galega, non deixa de ser a situación na que nos poñemos “en actitude de defensa”, ante algunha situación que non nos agrada, o que non deixa de ser un mecanismo ou instinto máis de auto protección.

O problema é que, como o recolle o dicionario da RAE, este termo tamén reflicte unha “actitud recelosa y con temor (…)” e parte da base de que se hai que defenderse é porque algo ou alguén nos ataca ou esixe unha reacción da nosa parte.

No judo estar á defensiva nun adestramento só leva a non desfrutar do momento nin d@s compañeir@s, non probar cousas novas, non tratar de asimilar a información dada, estar animicamente igual ou peor que antes, en definitiva, non aproveitar o tempo de judo.

A pesar de todo, eu sigo crendo firmemente na capacidade do judo e, particularmente, da súa forma de expresión diaria, é dicir, o adestramento, de axudarnos a levar mellor as nosas cargas e mesmo a resolver algún deses problemas, aínda que só sexa polo break que facemos no tatami.

Pero para iso, temos que ser capaces de deixar nós sos ou coa axuda d@s outr@s esa angry chair fóra do tatami.

 

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago              

 

             

 

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

ESPEJO MÁGICO: ¿QUIÉN ES LA MUJER MÁS BELLA DEL REINO?

LOS ERRORES NO FORZADOS

POR QUE FAGO JUDO?