NO DOY (do galego "non dou")

Esta expresión tan tipicamente galega e tan dificilmente entendible para alguén que non sexa galeg@ - case iguala á mítica frase “malo será” – ten unha profundidade de contido que a miúdo @s propi@s galeg@s esquecemos cando a estamos a usar. E podo dicir que na miña vida oín tantas veces seguidas esta frase como nos últimos anos.

O Dicionario da Real Academia Galega da unha definición breve, pero moi clara da expresión dar + participio: “ser capaz de, conseguir acabar a acción ou proceso iniciados”.

No castelán de Galicia úsase moi habitualmente omitindo o verbo que define o que non somos capaces de realizar “no doy (hecho….)”.

No noso club esta expresión está “prohibida”, non porque incumpra con algún tipo de estraña regra interna, senón porque na meirande parte das veces que a escoito sae no momento no que ou só fixemos un intento, ou mesmo nin o iniciamos. E resulta interesante ver como certas expresións acaban por convertese nun modo de vivir. Apenas empezamos algo que xa nos rendemos ou, dito doutro xeito, non se pode acabar o que non se inicia.

Moit@s judokas cando intentan facer unha técnica, xa están exclamando “non dou” e crendo en moitos casos que realmente nunca serán capaces de facela. De certo xeito é como cando de pequen@s, antes de probar unha comida, xa dicimos que non nos gusta e non a comemos nunca.

O gran actor e director Clint Eastwood no seu magnífico filme Million dollar baby formula esta cuestión da seguinte maneira: ¿é mellor non intentalo e así non hai risco de facer mal algo? ¿intentalo e que saia ben ou mal?  ¿co tempo reprocharse a un mesmo que nin sequera o intentamos?

Se cadra o que importa non é tanto que nos saia mellor ou peor, antes ou despois, senón polo menos intentalo con todos os medios posibles e non facer do “no doy” unha filosofía de vida.

M. Mallo

Judo Club Terras de Santiago                    

Comentarios

Entradas populares de este blog

LAS CUATRO VIRTUDES CARDINALES

NON VALE TODO PARA SER MELLOR

LA PRECOCIDAD NO GARANTIZA EL ÉXITO